Svedberg

O svedberg (simbolizado como S ou ás veces Sv) é unha unidade de medida que non pertence ao Sistema Internacional de Unidades (SI) usada para medir coeficientes de sedimentación. A unidade svedberg (S) ofrece unha medida do tamaño dunha partícula baseada na súa velocidade de sedimentación, é dicir, a rapidez con que unha partícula dun peso, tamaño e forma dados sedimenta no fondo dunha disolución. En realidade, o svedberg é unha medida de tempo; que se define como 10−13 segundos (100 femtosegundos, fs).
Para as moléculas biolóxicas, a velocidade de sedimentación mídese como a velocidade con que se despraza no tubo dunha centrífuga sometido a unha alta forza g.
O svedberg (S) non debería confundirse coa unidade pertencente ao SI sievert nin coa unidade non pertencente ao SI sverdrup, as cales tamén se simbolizan como Sv.
Os coeficientes de sedimentación medidos en svedbergs non son aditivos; así, un ribosoma eucariota con subunidades de 60S e 40S (que suman 100) cando está completo non ten un coeficiente de 100S, senón de 80S. Provided by Wikipedia